banda á feira

Banda á Feira nace coa intención de sacar o mundo do cómic ás rúas, máis concretamente ás prazas e espazos do barrio do Calvario en Vigo. Este festival único busca celebrar o amor pola banda deseñada e xerar unha cita anual que aos poucos se vaia coando no calendario dos apaixonados polo que se coñece como a novena arte.

A banda deseñada segue sendo unha das expresións artísticas máis descoñecidas para o gran público. Na actualidade conta cunha diversidade incomparable en canto a xéneros e formatos, abarcando desde o cómic histórico ata o de superheroes, pasando polo terror, a ciencia ficción, a fantasía, o humor e moito máis. Esta riqueza fai que exista un cómic ideal para cada lector e, quen non o coñece, é porque aínda non o atopou.

A filosofía do evento é clara: levar a cultura da banda deseñada a un ambiente popular cheo de vida como é a contorna do mercado do Calvario. Esta iniciativa demostra que o movemento veciñal resulta imprescindible para achegar a cultura á xente alá onde outros estamentos e institucións non conseguen chegar, aos barrios, ao núcleo mesmo da nosa forma de relacionarnos.

Banda á Feira une a paixón polas viñetas coa idea de seguir mantendo vivos os nosos espazos populares, enchéndoos de actividade, arte e cultura.

Ata o momento realizáronse tres edicións de Banda á Feira, entre 2022 e 2024. Cada unha delas celebrada por preto de 5000 persoas que gozaron dunha ampla gama de actividades programadas: sinaturas, charlas cos autores e autoras convidadas, exposicións, obradoiros de cómic para os máis pequenos, e moito máis.

Un dos grandes focos de atracción do festival son os autores e autoras de banda deseñada convidados ao evento. Por Banda á Feira pasaron ata 15 invitados nas tres edicións, incluíndo varios creadores recoñecidos co Premio Nacional de Cómic, o galardón máis importante que se pode recibir no cómic español.

A traxectoria dos invitados do festival é verdadeiramente impresionante. A suma total dános preto de 2000000 de exemplares vendidos e decenas de premios, entre os que figuran o premio Eisner (o máis importante a nivel mundial, tamén chamado «o Óscar do cómic»), o premio Ignatz, o premio Harvey, o mencionado Premio Nacional de Cómic, e numerosos galardóns e distincións a nivel nacional.

O festival ofrece unha variedade de actividades que enriquecen a experiencia dos asistentes. Organizáronse sesións de firmas ás que se sumaron, ademais dos autores convidados, máis de 30 autores e autoras locais, dedicando centos de exemplares. Tamén se impartiron clases maxistrais que esgotaron todas as prazas dispoñibles.

Un aspecto único de Banda á Feira son as charlas a pé de rúa, co mercado do Calvario como vixiante referente. Estas charlas atraen tanto aos máis apaixonados polo medio como a veciños e curiosos, creando unha estampa xenuína e colorida que reflicte a esencia do festival.

O evento tamén apoia aos novos talentos a través de Praza da Banda, un mercado de arte orixinal destinado a mostrar o talento da canteira local. Na súa última edición, Praza da Banda contou con máis dunha vintena de postos nos que se podía comprar arte orixinal directamente aos seus creadores e creadoras.

Ademais, organizáronse obradoiros infantís dirixidos pola escola Kame Cómic, fomentando o interese pola banda deseñada nas novas xeracións.

Banda á Feira tivo unha gran acollida entre os veciños do barrio, que xa o senten como propio, así como entre todos os afeccionados da cidade de Vigo e da provincia de Pontevedra.

Convidados

Ata o momento por Banda á Feira pasaron máis de 12 autores e autoras diferentes:

Borja González: Premio Nacional do Cómic en 2023. Autor de The Black Holes ou Grito Nocturno entre outras.

Mayte Alvarado: Premio Autora Emergente 2021 da Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic. Autora de La Isla.

Anabel Colazo: Autora de obras como Espada ou No mires atrás.

Carles Dalmau: Ten preto dun millón de seguidores nas súas redes sociais. Director de arte de videojuegos como Cult of the Lamb. Autor de obras como Soma ou Magic Animals.

Miguelanxo Prado: O autor galego de banda deseñada máis importante de todos os tempos. Premio Nacional de Cómic en 2013. Autor de obras como Ardalén ou Presas Fáciles.

Juan Díaz Canales: O guionista de cómic español máis relevante de todos os tempos. Premio Nacional de Cómic en 2014. Conta con numerosos premios internacionais como varios premios Eisner, premios Harvey ou premios do Festival de Angoulême. Autor de obras como Blacksad ou Corto Maltés.

Teresa Valero: Premio a Mellor Obra Nacional nos Premios de la Crítica 2021 e tamén nos premios Zona Cómic de 2022. Autora de Contrapaso.

Kenny Ruiz: Premio ao Mellor Manga de Autor Español en 2011, é un dos poucos españois que traballou de maneira regular para o mercado estadounidense.

Miriam Bonastre: A súa obra Hooky converteuse nun fenómeno editorial en todo o mundo vendendo máis dun millón de exemplares. Autora tamén de Marionetta.

Josep Homs: Premio Saint-Michel a mellor debuxante. Autor de obras como Shi.

Javi Rey: Premio Autor Revelación en 2017. Autor de obras como Intemperie.

Alicia Jaraba: Autora de obras como Soy la Malinche que xa alcanzou ata catro edicións en España e dúas en Francia.

Pau: Premio Ciutat de Palma en 2020. Autor de obras como Atlas & Axis traducida ata en 9 idiomas diferentes ou As cinco bandeiras.